Este sitio web utiliza cookies propias para ofrecer un mejor servicio. Si continúa navegando consideramos que acepta su uso. Encontrará más información en nuestra Política de Cookies.
OK | Más información< Volver á lista de resultados
A Lei 11/1986 de patentes establece que "serán protexibles como Modelos de Utilidade as invencións que, sendo novas e impliquen unha actividade inventiva, consistan en dar a un obxecto unha configuración, estrutura ou constitución da que se derive unha vantaxe practicamente apreciable para o seu uso ou fabricación".
Aínda que os requisitos que se piden son semellantes, pode dicirse que son menos estritos para os modelos de utilidade, polo que se utilizan para protexer invencións de menor rango inventivo que as patentes. Na práctica, utilízase a protección mediante modelos de utilidade para innovacións menores que quizais non satisfagan os criterios de patentabilidade.
Na maioría dos países que brindan protección mediante modelos de utilidade, as oficinas de patentes non examinan o fondo das solicitudes con anterioridade ao rexistro. Isto significa que o proceso de rexistro adoita ser considerablemente máis sinxelo e rápido e dunha duración media de seis meses.
O prazo de duración da protección por modelos de utilidade é máis curto que o das patentes e varía de país en país. En España, a duración dun modelo de utilidade é de 10 anos, fronte aos 20 anos dunha patente.
A sinxeleza do proceso e a menor duración determina que sexa máis económico obter e manter modelos de utilidade.
Os modelos de utilidade considéranse particularmente adaptados para as pemes que efectúen melloras "menores" en produtos existentes ou adapten estes produtos.
En xeral, os modelos de utilidade son melloras en aparatos ou ferramentas xa coñecidos, é dicir, invencións mecánicas.
Porén, é importante destacar que a Lei 11/1986 de patentes indica de xeito expreso que os produtos químicos, os alimentos e os procedementos non son protexibles mediante o Modelo de Utilidade. Por exemplo, un novo tipo de pintura antimofo non se pode protexer como modelo de utilidade, pero si a brocha coa que se estende.
Non obstante, a partir do 1 de abril de 2017, coa entrada en vigor da nova Lei 24/2015, do 24 de xullo, de patentes, unicamente quedarán excluídas da protección mediante modelo de utilidade as invencións que se refiran a procedementos e as que recaian sobre materia biolóxica e sobre substancias e composicións farmacéuticas.